SEMPRE MAR

400x300px - 28.9 Kbytes

Un mar sen terra vive en viva alfombra
pra correr, voar sen pé nin leme,
pois mar ceibe e fantástico se teme
e desatarse pode en golpe ou sombra.

Un mar cheo de mar vén contra as moas
da boca da paixón que rilla e sulca,
e unha extensión medoña faise esculca
do infindo e dos espacios ante as proas.

Están listas as naves. Ti, enemigo,
Tan largo mar, contemplas e arrodeas,
e eres lingua que bate e chega ás veas,
e eres sala de calma e de perigo.

Azul, verde, ferrento, igual, distinto.
Un soturno caimán, un gato rexo
con escamas e poutas en axexo.
Un salgado e ben mesto viño tinto.

Unha chaira sen muros sin cancelas.
Un ollo aberto para engulir profundo
as formigas, os homes, todo o mundo,
incluíndo os luares e as estrelas.

Un mar para andar perdido e achar o tino
como noite continua ou pesadelo
onde o corpo ten de ir espido, inxelo.
Principio e fin das cousas, mar divino.
Bernardino Graña, "Profecía do mar".

posted by Jorge @ 2:18 p. m.,

0 Comments:

Publicar un comentario

<< Home